Sobre min

Benvid@ ao meu espazo.

Son Noelia X. Geada Folgueira, logopeda especialista en voz, cantante e integradora social.

Dende ben pequena, o meu interese pola música e polo canto era xa destacable, dando as miñas primeiras notas musicais practicamente dende o inicio da miña fala e sendo sempre o meu entretemento favorito.

Con 16 anos comecei a miña andadura pola música en directo, formando parte da primeira banda musical de pop-rock, baixo a dirección do excelente profesor e músico Óscar Trigo.

Aos 18 anos comecei estudos informais de canto e técnica vocal na academia Fábrica de Sons, coa profesora Noelia González, recoñecida e moi querida cantante en Lugo. Pasado un tempo entrei a formar parte dunha orquestra e, máis adiante, da seguinte banda, neste caso de blues e rock.

Como aínda non tiña claro cal quería que fose o meu futuro profesional, decidín irme a Ourense e un ano máis tarde á Coruña, a estudar o FP de Grado Superior en Integración Social. Algo que non tiña nada que ver coa música, xa que non vía a maneira de dedicarme profesionalmente a ela. Sen embargo, estes estudos servíronme, sen darme conta, para adquirir experiencia profesional en campos como a Parálise Cerebral, o Dano Cerebral Adquirido, os Trastornos do Espectro Autista, o Síndrome de Down, etc., que máis adiante podería aproveitar moi ben.

Ao cabo dun ano, pensei na posibilidade de dedicarme máis á miña verdadeira paixón, o canto, cursando estudos de Logopedia. A Logopedia permitiríame dedicarme ao canto, aínda que fose dunha maneira máis indirecta, axudando a aqueles/as cantantes con dificultades na súa voz ou con algunha lesión nas cordas vocais a mellorar a súa calidade vocal e, polo tanto, tamén a súa calidade artística e de vida.

Ademais, non só podería contribuír á melloría vocal dos/das cantantes, senón tamén á de tódol@s profesionais da voz, é dicir, calquera persoa que utiliza a súa voz como ferramenta de traballo: actores e actrices, profesores/as, locutores/as de radio, presentadores/as de televisión, avogados/as, etc., e, en xeral, a calquera persoa con un problema de voz.

Por outra banda, esa experiencia profesional adquirida co FP de Integración Social non sería en balde, senón que podería seguir traballando nos campos antes mencionados como logopeda e, ademais, cunha visión máis completa de cada un.

Foi por todo isto, que decidín trasladarme de novo á cidade da Coruña, a cursar os meus estudos de Logopedia.

Durante os case 4 anos que durou a miña formación universitaria alí, aproveitei para continuar cos meus estudos de canto entrando a formar parte do Coro Universitario da Coruña, baixo a dirección de Rupert Twine, formándome así na voz coral. Á vez, compaxinaba con clases de canto a fin de semana en Lugo, co recoñecido cantante Enrique Ramil, de novo na academia Fábrica de Sons. Máis tarde, decidín tomar as clases de canto na Coruña, na academia Atempo Inteligencia Musical, coa profesora e recoñecida cantante e chelista galega, Rosa Cedrón.

Ao acabar Logopedia, quixen especializarme na voz dun xeito máis formal, por iso realicei dous posgraos. O Posgrao de Experto en Patoloxía da Voz e o Posgrao de Especialización en Rehabilitación e Perfeccionamento da Voz Profesional Falada e Cantada. Ámbolos dous na Fundación Instituto Ciencias do Home de Madrid, polo seu convenio coa Universidade de Alcalá. Grazas a estes estudos, tiven a oportunidade de facer prácticas de Logopedia no campo da voz, na prestixiosa clínica RV Alfa de Madrid, con Roxana Coll e o seu equipo, recoñecida logopeda e fonoaudióloga arxentina afincada en Madrid. Tamén fixen prácticas no Hospital Ramón y Cajal de Madrid, na área de Otorrinolaringoloxía, co doutor Ignacio Cobeta e a doutora Elena Mora e, por último, no Hospital Polusa de Lugo, tamén na área de Otorrinolaringoloxía.

No ámbito musical, actualmente formo parte, como voz solista, do dúo Una Mesa Para Dos, proxecto que iniciei eu mesma fai un tempo. Tamén formo parte das cordas mezzosoprano e contralto no coro Solo Voces de Lugo, o cal ten unha ampla traxectoria musical baixo a dirección, xa desde os seus inicios, de Fernando G. Jácome. Ademais, son a corista de La Penúltima, recoñecido grupo de Lugo tributo a Joaquín Sabina. E atópome inmersa nun novo proxecto máis íntimo e persoal co que pretendo sacar á luz os meus temas de composición propia como cantautora, coa colaboración de luxo do músico e compositor David Taboada.

Creo na formación continua e no constante crecemento profesional e é por iso que seguir formándome, aínda que xa exerza a profesión, paréceme fundamental e é o camiño que estou seguindo, tanto no campo da logopedia como no ámbito musical.