Áreas de traballo

Voz profesional

Se es un profesional da voz, é dicir, utilizas a túa voz como ferramenta para desenvolver a túa profesión (es profesor/a, cantante, actor/actriz, locutor/a de radio, teleoperador/a, etc.) debes saber que a túa voz precisa máis coidados que a de outras persoas. E que, se sentes que tes molestias ou xa tes algunha lesión diagnosticada nas cordas vocais, eu podo axudarche. Tentaremos lograr o maior grao de recuperación posible para que poidas desenvolver a túa profesión con normalidade e confort vocal.



Técnica vocal

Para un profesional da voz, é imprescindible ter unha boa técnica vocal, tanto para recuperarse dunha lesión como para previr que volva a aparecer. Iso inclue un patrón e modo respiratorios adecuados, unha impostación correcta, modulación, resonancia, etc. Xuntos podemos conseguir que adquiras esa técnica que necesitas e a incorpores á túa vida diaria.



Programas de quecemento vocal

Calquera profesional da voz debera ser consciente da importancia do quecemento vocal para a prevención de lesións, así como coñecer as técnicas adecuadas. E incluso tamén do desquecemento para despois da actividade. Se queres adquirir un programa de quecemento vocal xunto cunha boa técnica vocal, podes poñerte en contacto comigo.



Programas de hixiene vocal

Ao igual que o quecemento vocal, a hixiene vocal e outro aspecto fundamental á hora de coidar a nosa voz. De feito, o quecemento enténdese como parte dunha boa hixiene vocal. Nunca traballo sen ter en conta os dous. Unha terapia logopédica de voz sen o aprendizaxe destes dous aspectos non tería sentido. É por iso que tamén podo asesorarte ao respecto.



Prevención de lesións vocais

O mal uso e o abuso da voz son as principais causas da aparición de disfonías. É importante que adquiras hábitos vocais adecuados para non crear lesións nas cordas vocais e que a túa voz non se vexa resentida. Especialmente cando, pola túa profesión, pides unha demanda de esforzo maior á túa larinxe. Unha lesión nas cordas vocais pode ter que acabar en cirurxía. Por iso, como di o dito: “mellor previr que curar”.



Rehabilitación de disfonías (nódulos, pólipos, quistes, etc.)

Se non foi posible a prevención e xa tes unha lesión, sexas ou non profesional da voz, eu podo axudarche. A rehabilitación das disfonías pode ser preoperatoria, postoperatoria, ambas ou pode non ser necesaria cirurxía e unicamente se fai desaparecer a lesión con rehabilitación logopédica. Sexa cal sexa o caso, podes acudir a min.



Logopedia xeral

Actualmente son especialista en voz porque é a área que máis me apaixona, pero non quere dicir que non poida axudarche noutros campos da logopedia. A logopedia é, ou debe ser, algo vocacional, polo que, se me decidín a asumir a profesión foi porque o resto das áreas tamén me gustan. E, como mencionaba no apartado “Sobre min”, son tamén integradora social con experiencia en Trastornos do Espectro Autista, Parálise Cerebral, Dano Cerebral Adquirido, Síndrome de Down, etc. Ademais, penso seguir en constante formación dentro das miñas posibilidades. Polo tanto,, sexa cal sexa a túa problemática, podes chamarme e xuntos veremos como afrontala.